A Asemblea Cultural Galega de Barcelona organiza as Letras Galegas en Sargadelos

O día 17 de maio, xoves, ás 19:30h, a Asemblea Cultural Galega de Barcelona organiza un acto na Galería Sargadelos Barcelona con motivo das Letras Galegas que este ano homenaxea o xurista, político e escritor Valentín Paz Andrade. Haberá a participación de todos os colectivos da ACGB: a LudoteGa, a FIA, Conversem(os), Proxecto Galauda, Gosto do Magosto e a Compañía de Teatro Furafollas e tamén o pintor de Monte Alto, Branda pechará a súa exposición nese mesmo día. (Mapa de Sargadelos).

Doce títulos conforman a posta en marcha da Biblioteca Dixital da Galeguidade

En cumprimento do seu obxectivo fundamental de achegar os recursos «tamén os culturais» á cidadanía no exterior, a Secretaría Xeral de Emigración acaba de pór en marcha a Biblioteca Dixital da Galeguidade, que permitirá a consulta e baixada dos volumes que se vaian colgando na mesma.

Un total de doce obras configuran o primeiro bloque xa dispoñible en rede na dirección electrónica http://emigracion.xunta.es/e-biblioteca, todos eles con dereitos de autor da propia Secretaría Xeral, que dirixe Santiago Camba. De cada un deles faise unha pequena reseña na páxina indicada, para dar idea ao navegante pola web do contido da publicación, que se pode descargar completa.

Os títulos que estrean esta biblioteca virtual son «Asociacionismo galego non exterior» (dous tomos), «Autoconcepto en fillos de emigrantes», «Casas de indianos», «Dun Finisterrae a outro: a emigración galega á Patagonia», «O Terzo de Galegos», «Galegos en América e americanos en Galicia», «Galeguidade na Arxentina», «Xusta distribución do sufraxio como poder», «A emigración galega ao Río da Prata», «Memorial do último Reino Santiago de Chile» e «Presenza eterna de galegos na Habana».

Todos eles están editados entre os anos 1998 e 2001, e dalgún xa non se atopan exemplares dispoñibles en papel. Precisamente, a intención da Secretaría Xeral á hora de incluír estes títulos «e os que vingan de agora en diante» na Biblioteca Dixital é que se manteña e perdure no tempo o importante legado cultural que atesouran estes volumes, e que non se perda por falta de dispoñibilidade para os estudiosos ou interesados. Por outra banda, colgalos en rede amplía de xeito substancial o abanico do público potencial.

Economía e ecoloxía

Esta nova ferramenta virtual forma parte da estratexia desenvolvida polo departamento de Santiago Camba de achegar novos recursos para a diáspora aproveitando o uso das novas tecnoloxías. Este camiño, ao mesmo tempo, supón un aforro económico importante e un método máis respectuoso co Medio Ambiente, por canto evita o emprego do papel como soporte.

A iniciativa vén sumarse a outras xa postas en marcha por Emigración no camiño de empregar as ferramentas informáticas para achegar os recursos da Administración á galeguidade, recursos que nunha porcentaxe elevada xa pon á súa disposición no portal web antes indicado.

A intención da Secretaría é profundar nesta estratexia, que representa un importante aforro económico, resulta máis respectuosa co medio ambiente, e, sobre todo, evita innecesarios desprazamentos ao usuario, aspecto fundamental cando se fala da diáspora.

O Centro Galego de Bos Aires e a Sanidade Arxentina

Xoaquín Montes. Bos Aires. Todo parece indicar que para as organizacións constituídas pola emigración procedente da península Ibérica, as perspectivas de apoios financeiros provenientes do outro lado do Océano, esgotáronse ou reducíronse en forma considerable .

España atravesa unha das crises máis severas da súa historia e ninguén está en condicións de predicir seriamente cando poderá ser superada .

Un estado que acumula cinco millóns e medio de «parados» e os seus cálculos máis optimistas estiman unha redución do dous por cento para o ano 2015, non ofrece un panorama alentador.

Ata aqui, as protestas en territorio español desenvolvéronse no que podiamos considerar cauces normais. Será posible mantela nestes termos? Ou nalgún momento esgotada a paciencia social, haberá que reprimilas?

Para a eventualidade, os «Populares» non carecen de experiencia. Morto Franco e sendo o fundador do Partido Ministro de Arias Navarro, Don Manuel Fraga Iribarne, debeu afrontar o malestar obreiro. No desaloxo de dúas asembleas a Forza Pública deixou na rúa unha ducia de mortos.

Ante o requirimento dun correspondente da Axencia EFE, Fraga Iribarne estableceu principios: «O mantemento da Orde Pública ten os seus custos, ninguén quere vítimas, pero hai situacións que son inevitables». Eran outros tempos?

Como pode suporse, referímonos a quen como Presidente da súa Comunidade legou ao Centro Galego de Bos Aires a Fundación que, tras xerencialo durante case nove anos, ingresaría aos Estrados Xudiciais deixando unha débeda millonaria co Estado Arxentino .

Co agravante de que tanto o debido aos Organismos oficiais, como ao resto dos acredores non poderá ser liquidado con fondos locais por carecer de activos realizables no país.

Neste transo o inefable Secretario Santiago Camba, cuxo paso por estas latitudes deixan un ronsel de dúbidas sobre os seus verdadeiros motivos, e ás que por reiteradas adoitan atribuírselle razóns de índole privado ou o papel de oficioso compoñedor nos enfrontamentos do PP na Arxentina, nunca exclúe a posibilidade de aproximarse ao CG de Bos Aires, onde ha de procurar, sen resultados, involucralo nos custos que demandará a «defunción» da Fundación Galicia Saúde.

O que presupón, no marco da difícil situación peninsular, a necesidade de acudir á súa «Casa Matriz» (léase Goberno de Galicia) afrontando os custos políticos que trae aparellados a cobertura financeira dun fracaso .

A Xunta fará ou non a análise de todo o sucedido. Se é que nalgún momento disponse a dar conta aos seus electores da verdadeira historia. Pero o prexuízo causado ao Centro Galego de Bos Aires requirirá anos de esforzo para recompor a súa imaxe ante unha opinión pública que o vise actuar como mostra emblemática da capacidade creadora e o tesón da emigración galega .

Saben, quen asumiron a responsabilidade de recompor a marcha da entidade, que o camiño non será de rosas. Como o fixeron ata agora, deberán sortear obstáculos de distintos niveis e procedencia.

Intrigas permanentes dos funcionarios galegos, que na súa vista á Institución mostran un perfil amable e conciliador, pero portas a fóra procuran demoler a imaxe dos seus directivos, pondo en cuestión a súa idoneidade para conducilo.

A incomprensión, sen incluír a mala fe de grupos minoritarios -moi activos- que entre os profesionais médicos e o persoal administrativo, incitan ao enfrontamento cunha «patronal disposta a baleirar o Hospital». Aínda que a realidade demostre que eses directivos fan verdadeiros prodixios para reunir os fondos que permitan cubrir soldos, pagar xuízos e levantar embargos que na súa inmensa maioría obedecen a decisións das que non son responsables.

Non é posible obviar neste breve comentario a impunidade coa que consuma as súas agresións un coñecido provocador, hoxe empregado do Laboratorio -coa evidente simpatía dos seus «amigos» en Facebook- sen que ata a data sexa levado á xustiza.

Este suxeito bordeando a paranoia, tipifica a «causa» á que lamentablemente únense -sen percibilo- xentes de boa fe, que estiman como solución a saída da actual Xunta Directiva do Centro Galego. O que supón abriría paso a un «mar de axudas» do Goberno Galego destinado a recompor a actual situación de Hospital.

Adversarios ou amigos da actual dirigencia deberían entender, que nin a Xunta de Galicia nin o Goberno de Madrid baixan os seus orzamentos de sanidade e pechan hospitais en España, para recuperar os que deixasen abandonados na Avenida Belgrano e Pasco.

O estraño é que os traballadores, cuxos dereitos e necesidades ninguén sensatamente pode discutir, non alcancen a discernir, no medio das súas penurias, que a renuncia dun presidente, ou a do corpo directivo non «descomprimen» absolutamente nada. Pola contra, poden precipitar un salto ao baleiro que pon en xogo a fonte de traballo.

Como vemos, ante un reducido grupo de homes e mulleres preséntase a encrucillada de recuperar o Centro Galego de Bos Aires e quedar na súa traxectoria como os propulsores da súa Segunda Fundación, ou correr a sorte daqueles capitáns que ven zozobrar a súa naves.

Cremos que quen partiron da nada e manteñen en pé á entidade, dificilmente consideren a segunda das opcións. Pero, está claro, nada poderán acometer con certezas de bo final sen o apoio dos seus asociados e o conxunto da sociedade arxentina que o contase como unha base sanitaria de primeira liña .

Compartindo inquietudes, un experimentado correspondente de Axencias Internacionais de noticias -socio do Centro Galego- infórmanos días atrás que a Superintendencia de Saúde a cargo de Ricardo Bellogio estaría traballando na unificación do Sistema Nacional de Saúde «público e privado» co obxecto de garantir unha cobertura máis ampla na Republica Arxentina.

Aínda que non coñecemos os alcances deste proxecto nin as formas en que será implementado, o importante, en razón de comentarios recollidos entre directivos do Centro Galego é que o Hospital ten capacidade dispoñible para satisfacer unha demanda eventual e/ou permanente, sen afectar a atención que demanden os seus asociados .

Cremos que aínda non se publicaron ofrecementos que permitan entrever o desexo das súas actuais autoridades consistentes en integrarse ao sistema sanitario deste país, como unha forma de revitalizar o seu funcionamento .

Haberá quizais que promocionalo á luz do día, empregando as mesmas proporcións de audacia e prudencia e a necesaria cota de habilidade, para non tropezar coa negativa intromisión de coñecidos «logradrores» nos negocios que poidan proporcionarlles a sanidade pública e privada.

A España do caos

Escrebín hai dous anos que PP e PSOE e, nomeadamente, os seus líderes, ZP e Rajoy (aos que alcumei no noso galego de “fenómenos”) eran parte do problema e nunca poderían traer a solución. O tempo, no seu rol de implacábel executor do principio de Peter, multiplicou exponencialmente as razóns a prol deste xuizo. ZP gabábase do sistema financeiro máis sólido do mundo mundial, negaba a crise, vía brotes verdes e pactaba o PP estatal a liquidación das nosas Caixas de aforro, mentres investía milleiros de millóns de euros nun Plan E que non xerou nin emprego estábel nin desenvolvemento tecnolóxico, social ou económico e tivo a triste honra de demostrar que ás veces até o keynesianismo pode fallar, nomeadamente cando non se escollen os obxectivos nin se dimensionan os instrumentos.

Mais sendo a herdanza recebida polo PP unha pexa moi grande, en catro meses Rajoy alargou a sensación de malestar económico e xerou o caos, malia desfrutar dunhas primeiras semanas relativamente doces por mór da achega de liquidez do Banco Central Europeo aos principais Bancos. Pero a desconfianza a respecto de Rajoy e do PP xa se fixo, polo menos, tan potente coma a desconfianza a respecto do goberno ZP, ao que contribuiu certamente o adiamento ou agochamento de determinadas medidas como trampa para gañar as eleccións andaluzas.

Pois ben, o PP perdeu as andaluzas, sobiu os impostos directos e sobirá os indirectos, inxectará entre 12 e 15 mil M€ en Bankia e recurtará outros 10.000 M€ da sanidade e da educación, medidas todas non previstas na investidura do 19-D. E, con ser todo isto representativo da súa falla de vergoña política, o peor de todo é a idea que transmiten de que todo isto non chega e que non saben por onde andan. A sensación dun De Guindos, que cada vez que fala sobe o pan. E dun De Wert, un Gallardón ou unha Ana Mato que non saben por onde andan.

Mentres, Rajoy considera que non compre que compareza perante a opinión pública.O mesmo pensa nalgunha fórmula para que non lle sigan, cada día un pouco máis, a asubíar os ouvidos no futuro.

A ARRINCADEIRA : O 15-M NO SEU PRIMEIRO ANIVERSARIO

Semella que algúns políticos aprenderon a lección recebida dos demócratas anoxados do movemento 15-M, mentres éstes entenderon que i) Galicia non é Soria. ii) Non todos os políticos son iguais. iii) O futuro do movemento é a súa dimensión europea e universal e iv) A clave é puxar por unha fonda transformación social que garanta a cohesión e inclusión sociais e non por unha revolución anarquista ou comunista.

 

Xoán Antón PÉREZ LEMA

Ten 48 anos, é licenciado en Dereito e letrado asesor de empresas pola Universidade Pontificia Comillas de Madrid e doutor pola de Santiago. Experto en Dereito Administrativo e Fiscal, exerce a avogacía desde 1989 e foi profesor na Facultade de Ciencias Sociais da Universidade de Vigo. A súa experiencia na Administración autonómica remóntase ao período 1987-1990, cando foi xefe do gabinete técnico da Consellería de Presidencia e Administración Pública. De 1991 a 1997 foi asesor xurídico do Consello da Xuventude de Galicia. Exerceu como secretario xeral de Relacións Institucionais co goberno PSdeG-BNG. Actualmente é vogal do Club Financeiro Atlántico da Coruña e secretario do Instituto Galego de Estudos Europeos e Autonómicos.

Sobre cando a mocidade galega foi servir cafés a Londres

Nestas últimas semanas unhas das declaracións que máis tensionaron o panorama político de Catalunya foron as do conseller de Empresa e Ocupación da Generalitat, Francesc Xavier Mena, na que citaba como solución ao desemprego xuvenil «irse a servir cafés a Londres». O certo é que, malia, como adoita pasar en política, ter sido sacadas de contexto, esas palabras exemplifican o pouco interese da dereita en buscar solucións alternativas (e de país, neste caso en Catalunya) para construír un futuro mellor para as nosas mozas e mozos. Da ineptitude dos dirixentes galegos xa, mellor, nin falar.

Na Galiza somos especialistas en buscar solucións alén das nosas fronteiras. De feito, en moitos casos, malia ter marchado do país, os galegos e galegas construíron de igual xeito unha identidade galega fora das nosas fronteiras. O himno, a bandeira…O de sempre, sí! Disque sempre hai que recordar de onde vimos e, neste caso, Galiza tamén provén da diáspora. Así, nesta dinámica, na que non nos treme o pulso se temos que facer o macuto e arrancar lonxe da casa, caibe estar preparados. É preciso preguntarnos que é o que queremos que pase con esa xeración perdida que se aveciña. Esa xeración que marcha servir cafés a Londres.

O primeiro que debemos facer é coñecelas e coñecelos. Non nos valen as medias tintas; nin tan siquera nos valen as experiencias que tanto serviron ás xeracións precedentes na Arxentina ou na Suíza. É preciso observar a problemática da emigración na Galiza desde unha óptica cambiante; entendendo a xeometría variable que se deriva das condicións singulares de cada destino e persoa na diáspora. En calquera caso, esta nova diáspora galega, que agora parece que padece unha (triste) explosión demográfica por mor da crise económica, debe ser observada con interese polos actores sociais e políticos do noso país. A consciencia da perda é o primeiro paso para a súa solución.

En segundo lugar, e máis aínda desde unha óptica nacionalista e de esquerdas, debemos aproveitar as potencialidades que nos ofrece a situación actual (e, neste caso, futura). Internacionalizar a causa do noso país é unha tarefa que só se consegue con unidade, xenerosidade e organización. É por iso que deberiamos promover un troco na configuración de colectivos organizados na diáspora. No pasado, o nacionalismo mimetizaba os métodos orgánicos das estruturas ríxidas e arcaicas; reproducindo así a falta de funcionalidade de colectivos mastodónticos e difíciles de conectar coa realidade do país como os Centros Galegos espallados polo mundo. Avanzar neste sentido é ofrecer incentivos á mocidade do noso país; axudarnos como irmáns (como dicían os galeguistas) e crear foros onde todas as voces sexan respectadas. E, sobre todo e máis importante, reforzar os lazos co país, axudándonos das novas tecnoloxías da información e da comunicación e das ventaxas derivadas que van ligadas a estas.

Ademais, é preciso engadir unha pinga de realidade ao feito da emigración. Se construimos canles onde a diáspora poida aportar a súa experiencia, formación e visión do país para revertir a perda que significa vivir lonxe da Galiza camiñaremos no camiño correcto. Galiza debe dar voz aos seus emigrantes, desde o minuto cero. E debe estar orgullosa dos seus logros e, porque non, dos seus fracasos, como así o fai cos nados e residentes no país.

Esas rapazas e rapaces que serven cafés en Londres son vitais para o noso futuro colectivo como pobo. Moitos falan dunha fuga de cerebros e, se cadra, non están tan desencamiñados. E o certo é que non imos a ningures esquecéndonos dos que tiveron que marchar ou acusándoos de cobardía por telo feito. Probábelmente debemos poñernos máns á obra antes de outros fagan o propio, na procura dunha solución colectiva. Nunca os kilómetros separaron tan pouco e iso é algo que debemos capitalizar e poñer do noso lado; na defensa dos intereses do país. Se cadra son algo inxenuo, pero sempre quixen que en Compostela me falaran galego con acento da beira do Thames.

 

Silvio FALCÓN

É Licenciado en Ciencias Políticas e da Administración pola Universitat de Barcelona. Dirixiu de 2007 a 2012 o programa de radio de ERGaC «Barcelona Atlàntica». Cofundador da Asociación Alba de Groria. Mantén o seu blog «Cando os outros calan».

O Instituto Arxentino de Cultura Galega estivo presente na 38ª Feira Internacional do Libro de Bos Aires

No marco da 38ª edición da Feira Internacional do Libro de Bos Aires, o Instituto Arxentino de Cultura Galega do Centro Galego de Bos Aires presentou Galicia cun espectáculo musical a cargo do grupo de música celta galaico-arxentino “Achaiva da ponte” e do Coro Polifónico do Centro Galego, na sala José Hernández, a máis grande do predio feiral.

O domingo día 6, pola tarde, ademais, Silvia García Mirón ofreceu unha conferencia sobre “Proxección da imaxe e valores identitarios de Galicia representados a través da figura de Isaac Díaz Pardo”.

Na súa exposición, García Mirón, que se desempeña como secretaria da Universidade de Vigo e é profesora do departamento de graduados de devandita Universidade, referiuse á figura de Isaac Díaz Pardo centrada na importancia que tiveron as súas obras para Galicia, sobre todo no ámbito da comunicación. “Imos ver” -apuntou a modo de introdución- como Díaz Pardo conseguiu levar a cabo, reflectir e transmitir as ideas identitarias de Galicia, máis aló ata das fronteiras de Galicia e de España, sobre todo ver como chegaban ao exterior esas figuras e a simboloxía de Galicia”.

Ao longo da súa disertación, dirixida esencialmente ao colectivo galego residente en Bos Aires, García Mirón sinalou que “temos que rescatar e nunca perder os nosos costumes, o noso patrimonio, a nosa simboloxía”. Tras proxectar imaxes de Díaz Pardo e extractos de campañas publicitarias, Mirón fixo un breve repaso de distintas estratexias comunicacionales e campañas publicitarias turísticas e de marcas comerciais, observando que a simboloxía e os valores identitarios galegos están comezando a ter maior relevancia e presenza.

Tras a conferencia, o presidente do Centro Galego de Bos Aires, Carlos Vello, acompañado polo presidente do Instituto Arxentino de Cultura Galega, Antonio Núñez Neira, entregoulle un diploma, dando conta da presentación da licenciada no marco da Feira do Libro. A cargo da condución do acto e das presentacións estivo o vicepresidente do Instituto e líder do grupo musical “Treboeiro”, Raúl Expósito.

Fonte orixinal da nova: Crónicas de la Emigración

Falece en Bos Aires Manuel Cordeiro, pintor na emigración

Ás 18 horas, horario arxentino, do xoves día 10 de maio faleceu no hospital do Centro Galego de Bos Aires o pintor Manuel Cordeiro Monteagudo. Era o derradeiro supervivinte da xeración que participou no Primeiro Congreso da Emigración Galega (Bos Aires, 1956). Nacera na Coruña en 1927; formouse con Vales Villamarín e chegou emigrante ás beiras do Río da Prata en 1952, incorporándose activamente dende o primeiro momento ás Mocedades Galeguistas e ás iniciativas societarias de alén mar. Compañeiro de Maruxa Boga, Luis Seoane, Eduardo Blanco Amor, Laxeiro nos seus anos argentinos, Xosé Neira Vila e Anisia Miranda, Antonio Pérez Prado…

Ata o final se mantivo activo, participando en canto novo pulo xurdía naqueles pagos arredor da cultura galega. Colaborador activo do Instituto Arxentino Apóstolo Santiago, participou tamén nos traballos da agrupación Xeito Novo, unha das agrupacións máis activas de música e investigación na comunidade galega de alén mar.

«Canto do pobo disperso», de Paz Andrade, recupera unha homenaxe á condición migratoria dos galegos

O poemario inédito de Valentín Paz Andrade, recuperado e editado polo Consello da Cultura Galega (CCG), representa unha «homenaxe á condición migratoria dos galegos» a través de sete cantos e un texto inacabado, que versa sobre este fenómeno «crave» na historia de Galicia entendido como «unha diáspora», pero situando o territorio «no mundo».

Así o sinalou en rolda de prensa o presidente do CCG, Ramón Villares, acompañado da vicepresidenta da entidade, Rosario Álvarez, e o propio Alfonso Paz Andrade, fillo do autor ao que se rende homenaxe este ano con motivo do Día das Letras Galegas, con motivo da presentación desta obra ata o momento inédita, creada en Bogotá en 1955.

Un traballo que foi posible grazas á achega de Miguel Anxo Seixas, que descubriu o orixinal na Fundación Luís Seoane, e da profesora da Universidade de Barcelona María Xesús Lama, quen tratou de compor os textos e realizou un estudo preliminar sobre o poemario.

Para Villares, Valentín Paz Andrade trata de «entender unha das claves» da historia de Galicia, situándoa como lugar de chegada e de partida de emigrantes que finalmente retornan á súa terra para poder transformala coa o experiencia adquirida. Deste xeito, a súa figura «agrándase» aínda máis con este material que permitirá a moitos «descubrilo como un extraordinario autor literario e como poeta».

Do mesmo xeito, Rosario Álvarez explicou que esta edición presenta unha serie de notas que «axudarán a comprender o contexto cultural» e sitúa a obra en e tempo, a través dunha «visión mítica» e «épica» do fenómeno migratorio «como pobo», non como «individuos illados».

Andrade, segundo destaca Álvarez, coñecía ben este fenómeno tanto desde o punto de vista dos traballadores como do seu contacto cos intelectuais, concluíndo a súa visión «optimista» e de «gran púo cara ao futuro»

«ESPOLIO»

Tamén presente no acto, Alfonso Paz Andrade expresou a súa sensación persoal de que leva «toda a vida» falando do seu pai, e de que non se ten que «repetir» ante unha vida que foi «un verdadeiro universo», dedicada ás «facetas máis dispares» cun «nexo de unión» que foi «a clave da súa vida»: Galicia como tarefa.

Por iso, agradeceu esta nova oportunidade de recuperar unha figura que «se acrecenta», coñecida pola súa actitude na «hora cega de España» que o significaba» e diferenciábao de moitos. Un pensamento de alguén que «denunciou a escravitude» do agro, a «servidume» dos mariñeiros galegos e «o espolio» en datas «nas que non era fácil facelo». «Fíxoo con valentía», destacou.

Deste xeito, incidiu en que o fenómeno migratorio foi unha acción de internacionalización do pobo galego, que tivo o impulso e a «determinación» de enfrontarse a outras culturas, relixións e situacións políticas, mentres que agora parece que regresa a necesidade «de volver emigrar».

Por iso, considerou apropiado esta homenaxe en 2012, cunha crise económica, social e cultural «como non se recorda en moitos anos» e para a que as claves da obra de Andrade «poden ser de gran utilidade».

OBRA INÉDITA

Así mesmo, incidiu en que existe traballo e outra inédita dispersa polo mundo, en territorios como Sudamérica, Brasil, Arxentina, México, tanto epistolario como textos sobre economía.

Nesta faceta, destacou a obra ‘Galicia como tarefa’, na que o autor denuncia as deficiencias e carencias de Galicia e incide en aspectos como a cultura ou a lingua, que para Valentín Paz Andrade era unha «cuestión innegociable» e como idioma propio que falaban os galegos antes da chegada do castelán. «Un home de gran coherencia entre o seu discurso e a súa acción».

Así, recordou unha conferencia nos anos 30 na que defendía a autonomía galega como a nacionalidade histórica que máis a necesitaba, xa que carecía das comunicacións que dispuña Cataluña ou Euskadi. Así mesmo, xa advertía de que chegaría un momento no que os mercados quedarían pequenos e apostaba pola «internacionalización» da economía, un concepto que «agora está tan presente».

Finalmente, Villares destacou a Paz Andrade como o exemplo do «intelectual moderno» fronte ao concepto tradicional, que vinculou propostas de futuro aos sectores máis abertos ao mundo e máis progresivos que había en Galicia para intentar construír de forma positiva «un futuro para os galegos».

A memoria da emigración, un libro que reúne as fontes e arquivos para o estudo dos movementos migratorios

O Grupo España Exterior, que xa publicou varios tomos dedicados á emigración, acaba de editar o volume La memoria de la emigración, un libro cuxo subtítulo explica a súa vocación de servizo académico e para facilitar o traballo a estudosos: Fontes históricas, centros e arquivos para o estudo dos fluxos migratorios españois.

O volume está coordinado polo profesor galego X. Amancio Liñares, quen tamén asina unha guía de lectura da obra e unha bibliografía sobre a emigración española na historia contemporánea. Óscar Álvarez Gila ocúpase do estudo das fontes históricas para o estudo das migracións ultramarinas no País Vasco, mentres que Carolina García Borrazás e María Teresa García Domínguez abordan o Arquivo da Emigración Galega. Sonia Gayo Arias fai o propio co Muséu del Pueblo d´Asturies e Alba Fernández Asperilla e Susana Alba Monteserín detéñense no Centro de Documentación de las Migraciones da Fundación 1. º de Mayo.

Francisco Contreras traballa sobre as orixes da emigración contemporánea en Andalucía e Omayra Lista Liñares analiza xunto a tres expertos o uso das fontes orais nos estudos migratorios.